Thursday 02 de May de 2024

O Concello intensifica o seu plan integral de restauración de mobiliario en todo o municipio


• O executivo dirixido por Ana María López iniciou o mandato co mantemento e mellora da imaxe de Cariño como unha das súas prioridades e nas últimas semanas acelerou os traballos

• A reparación de baldosas, reposición de beirarrúas e bordos, restauración de papeleiras ou substitución e instalación de espellos son algunhas das actuacións

Reparación de baldosas, reposición de beirarrúas e bordos de beirarrúas, restauración de papeleiras ou substitución e instalación de espellos para mellorar a seguridade viaria. Son só algunhas das actuacións que o Concello de Cariño intensificou nas últimas semanas, dentro do seu plan integral de restauración de mobiliario en todo o municipio.

O executivo dirixido por Ana María López iniciou o seu mandato fai xusto dez meses co mantemento e mellora da imaxe de Cariño como unha das súas prioridades. Os labores de mantemento arrincaron desde o pasado xuño, pero foi nas últimas semanas cando se potenciaron, co obxectivo de mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas da localidade e potenciar a estética do municipio para a tempada alta de turismo.
“Trátase dun proxecto constante e duradeiro no tempo, non de actuacións puntuais. Entendemos que existía un evidente déficit de mantemento do mobiliario do municipio e traballamos para emendalo. Cariño ten que ser un lugar cómodo e accesible, pero tamén un municipio bonito, do que sentirnos orgullosos e orgullosas e que chame a atención do visitante. Porque temos moito que ofrecer”, apunta a alcaldesa.

Neste sentido, a través de medios propios, o Concello puxo en marcha a reparación de baldosas sobre todo en dúas vías: Crecente Veiga e Travesía da Mariña. Na primeira delas a rotura destas baldosas trátase de algo bastante recorrente desde a súa reforma. Mentres, na Mariña existía unha deterioración importante no firme, que estaba a desembocar no afundimento na contorna das tapas dos rexistros.
Doutra banda, os operarios municipais tamén actuaron nos bordos e as beirarrúas da Avenida da Constitución e da Avenida de Fraga Iribarne. “Eran dúas obras abandonadas desde hai bastante tempo e o seu estado xeraba certo perigo para os viandantes”, apunta o Consistorio.

Así mesmo, varias das papeleiras do Paseo Marítimo foron substituídas nos últimos días. A esta actuación para restaurar o mobiliario decrépito da zona uníuselle unha limpeza profunda dos bancos. “Trátase dunha mellora significativa non só en canto a estética, senón a usabilidade”, expresa Ana María López.

A maiores, ao longo e ancho de todo o territorio, o goberno local ha ido substituíndo e instalando espellos para potenciar a seguridade viaria. En función da detección de necesidades en puntos concretos, o Concello foi renovando ou instalando estes elementos, aos que se sumarán outras actuacións vinculadas ao tráfico.

Por último, dentro desta fase, o Cariño incluíu a reparación moitos sumidoiros e tapas de rexistros que se detectaron en mal estado, así como a limpeza de tajeas na parroquia da Pedra.
“Seguimos traballando na posta a piques de toda a localidade no seu conxunto, non só do centro máis urbano. É un proceso lento, pero que dará os seus froitos para acabar con esa sensación de abandono”, finaliza a rexedora.

Deja un comentario